hai 4 meses

Oito novos vídeos na web, feitos por mulleres de Carballedo e de Monteporreiro

hai 4 meses

Temos tres novas historias, procedentes do concello de Valga

hai 5 meses

Os nosos vídeos foron vistos xa máis de 30.000 veces en tres meses!

hai 5 meses

Achégamonos ás 30.000 reproduccións das nosas videomontaxes!

hai 6 meses

O conxunto dos nosos vídeos foron vistos xa en máis de 25.000 ocasións en dous meses!

Memoria de muller

Consuelo Picos Picos

Ama de casa, 64 anos / San Sadurniño

Consuelo Picos é, en parte, froito da historia de amor dos seus avós. Unha historia doce e simpática que Consuelo non quere que os seus netos esquezan.

Rebuscando nun baúl

Creado por Consuelo Picos Picos en San Sadurniño | Visto 994 veces
Etiquetado como: infancia, lenda, amor, avoa, animais
De cativaFoto de familia dos meus avósDe festa coa familiaNa escolaOs meus rapaces

Corría o ano 1877, e no seo dunha familia pobre naceu unha nena loira e de ollos azuis. Puxéronlle de nome María Xosefa, aínda que todos lle chamaban Maripepa. Naquel tempo case ningunha muller ía á escola, por iso ela nunca soubo ler nin escribir, copiaba as letras pero non sabía o que dicían, mais non era parva, rebulía de inquedanzas.

Xa cando tiña 10 anos, mandárona levar a bola a casa dun tío, pois antes cambiábase así o día que se cocía o pan. Ía por un carreiro, e deixou alí a bola metida nun saco de enxeo, apartouse un anaco para mexar e cando volveu o saco tamén estaba mexado, seguiu o camiño e entregou a bola sen dicir nada. Á volta lembrou o sitio e sentouse alí. De súpeto apareceu un can, que resultou ser un lobo, pero iso ela ignorouno, seguiu para a casa e aquel can seguiuna de preto, ao chegar á casa xa era a noitiña, pecharon a porta entón o lobo ouveou, daquela quedou muda de medo, decatouse que fora o seu compañeiro e ela non o recoñecera.

Logo que foi máis grandiña levárona de criada os seus padriños e traballaba só pola comida. Un día ía cun feixe de leña para quentar o forno de cocer o pan e tropezouse cun rapaz. Deulle moita vergoña que a mirara como ía vestida. Pousou o feixe para xuntar uns anacos de picote que tiña por saia. Sen pensar, o mozo preguntoulle como se chamaba. Ela, toda roiba, díxollo. El seguiu falando con ela, pois gustáballe a rapariga, pero ela estaba tan coutada que non atinaba a respostar. Daquela el propúxolle vela outro día, pero ela mandoulle falar cos amos, e así o fixo. De seguida tivo permiso para cortexala. De camiño a conquistou e casaron, levouna para a súa casa, pois el tiña mellor vida. Sempre se entenderon moi ben, tiveron dezaseis fillos, sempre foron moi unidos aínda que tiñan distintos caracteres, pois el era moi serio e ela moi alegre.

A Xosé, que así era o seu nome, non lle gustaban as farradas, pero pola contra a Maripepa si. Entón vía ben que ela se divertise e mandáballe que fora e el quedaba cos cativos.

Maripepa ía ás roldas cos seus irmáns. Tiña unha irmá que se chamaba Antona, era grande, fea e cantaba moi mal. Nunca tivo noivo, por tanto nunca casou pero era moi ocorrente e por rir, ríase dela mesma. Era rústica de pura cepa, os sobriños mandábana cantar porque a eles facíalles gracia e Antona cantaba esta canción:

Si quieres mandar recuerdos para el infierno,

mándalos por mi suegra que está muriendo.

Cuando allí llegue el aviso

te mandan el corazón para que hagas un guiso.

Esta nena loira era miña avoa, que lle transmitiu estas lembranzas á miña nai, a cal mo transmitiu a min. Todo o que saibas traspásao aos rapaces, aínda que pareza que cae nun saco sen fondo, non é así, eles sempre collen moito.

Eu son descendente desta lenda. Chámome María Consuelo, nacín fai 63 anos nun lugar onde vivo, son da Curuxa, Igrexafeita, San Sadurniño. Como podedes comprobar, sempre fun  moi aguda para buscar as miñas raíces.

En honra a elas fixen este relato con moito deleite.

E para rematar, un poema:

Camiñante non hai camiño

faise camiño ao andar

Este camiño é moi longo

se o comezas a buscar.

Cada persoa é un mundo

cada mundo unha historia

cada historia está viva

se a conservas na memoria.

Longos carreiros trepados

lonxanas vivenzas e fazañas

quedan tecidas na vida

como tecen as arañas

As pegadas que aquí quedan

nunca se deben borrar

para os que veñan despois

sempre as poidan atopar.

Comentarios

Xunta de Galicia. Consellaría de Economía e Industria Rede de dinamización Fundación Calidade A navalla suíza