Unha das maiores motivacións para Fina Casal é conseguir que fiar na lá sexa considerado oficio artesán legalmente. Non quere que a herdanza da súa avoa morra.
Cando nacín, meu irmán Félix só tiña 15 meses e miña nai enfermou moito. Díxolles o médico que, para que ela mellorara e puidera durmir, que o mellor que podía facer era que me levara a miña avoa e máis a miña tía Josefa. E así o fixeron. Estiven con elas ata os 7 anos. Así é que para min miña avoa e a miña tía eran coma nais. Tíñanme moi mimada.
Recordo a miña avoa sempre fiando na lá e facendo calcetíns, pois era unha muller que sempre durmiu moi mal, como case todos os vellos.
Aos 7 anos volvín para xunto de meus pais e máis de meus irmáns. Xa empecei a escola, aprendía moi ben, pero eu botaba moito de menos a miña avoa, e como me berraran un pouco na casa eu xa escapaba para xunto dela, cando me ían a buscar chorabamos as dúas e pasabámolo moi mal.
Logo, naceu miña irmá Amparo e o meu irmán Alejandro. Cada vez ía menos á escola. Un día, díxolles a profesora aos meus pais que para ir tan pouco a escola era mellor que me levaran para á casa, que para o que ía facer na vida xa sabía abondo. E non se equivocou moito. Deixei a escola e empecei a coidar de meus irmáns. Por sorte, aos 17 anos volvín á escola para conseguir o certificado de estudios primarios, conseguino cun notable. Sentinme moi ben.
Despois, aos 18 anos mandáronme aprender a coser. O que hoxe é o meu marido era daquela un amigo da familia. Díxolles aos meus pais que era bo que fora aprender a coser, pois iso sempre viría ben na vida, e así foi.
Aos 20 anos casei e xunto co meu marido, decidimos irnos os dous para Suíza. Foi a experiencia máis mala da miña vida, tiven que deixar ao meu fillo cos seus avós. Cando xa levaba un tempo aló, quedei embarazada de María, e decidín que non criaría os meus fillos separados, nin os deixaría cos avós. Pois iso foi o que me pasou a min e non é bo. E así o fixen, volvín para crialos xuntos e empecei a traballar limpando o colexio e o concello.
Tiven o meu terceiro fillo David, e continuei traballando e coidando dos meus fillos. Catro anos máis tarde tiven a Isabel, a miña última filla. Aos 55 anos tiven unha enfermidade, a cal non me permitía seguir traballando no que estaba, e así retomei o oficio de fiar na lá. Valíame para saír daquela enfermidade e foi coma unha terapia para min.
Foi un oficio herdado da miña avoa, e gustaríame explicarvos o proceso da lá: comezamos por rapar a ovella, lavamos e secámola. Escarpízase, cárdase. Fíase co fuso ou coa máquina e fanse dúas mazarocas. Xúntanse facendo un novelo e tórcese coa parafusa. Despois pásase ao sarillo para facer unha madeixa e podela teñir ou lavar. Despois ponse na debanadoira para facer de novo o ovillo, xa se pode empezar a ganchillar, calcetar ou tecer.
Dende entón, eu ía fiando na lá e confeccionando pezas especiais para as miñas fillas, para min e para algunha amistade. E así foi como cheguei a ter unha bonita exposición. De feito, agora, na miña casa preparei unha habitación onde teño un dormitorio e todas as cousas que fun facendo con lá, é coma unha pequena exposición permanente para ensinar ao que queira vir visitalo. A miña tía Josefa axudoume moito nos meus principios para facer a primeira exposición, porque ela xa tiña cousas feitas con lá.
Co tempo fíxose unha asociación de artesáns e apunteime a ela. A asociación chámase ?Artesáns do Eume?. A Xunta de Galicia editounos un libro de todos os artesáns da asociación e foi onde nos demos a coñecer e, a raíz disto, comezamos a ir a feiras de artesanía.
A todo isto, pedín unha carta de artesana de fiar na lá, pero non ma deron porque está sen lexislar. Déronme a de calcetar, pero eu quería e sigo querendo a de fiar na lá. Seguirei loitando ata conseguilo. Que o poñan como oficio e lexislen, eu non quero que morra. Eu xa lle ensinei o oficio á miña filla Isabel, a ver se ela seguira con el.